A ANPA do CPI de Dices (Rois) ven reclamando desde hai anos unha modificación dos horarios deste centro. Segundo argumenta as nais e pais o cambio de horario é obrigado pois non se cumpre a normativa vixente. Asi sinalan que:
– as clases teñen unha duración inferior a 50 minutos, polo que o alumnado de ESO teñen unha perda de 50 minutos de clase semanal.
– non se respectan os tempos regulamentarios de descanso e recreo en todas as etapas do centro (infantil, primaria e secundaria).
– os horarios non respectan nin fomentan o mellor rendemento escolar e dificultan a realización doutro tipo de actividades formativas alén do ensino regrado.
– deixa pouco tempo para xantar ao alumnado, sobre todo para aquel que se despraza aos seus domicilios.
– en Primaria, só se pode dispor de comedor os luns, martes e mércores, cos conseguintes prexuízos para a conciliación da vida laboral e familiar.

A negativa da Xunta de Galiza a atender esta petición da ANPA residenciase nos problemas que xera na organización do transporte. Mais unha vez comprobamos como os intereses particulares das empresas teñen máis peso que uns horarios racionais, que fomenten a aprendizaxe e favorezan a conciliación da vida labora e familiar.

Apoiamos desde o BNG esta demanda e a necsidade de avanzar cara horarios que realmente prioricen os intereses da comunidade educativa fronte ás empresas do sector do transporte. Nos enlaces podes ver o debate que tivemos o 21 de abril de 2015 no Parlamento de Galiza.