As Irmandades da Fala constituíanse formalmente un 16 de Maio de 1916 no local que a Academia Galega tiña na cidade da Coruña. As crónicas da época dan contan de que o acto encetouse con palabras de Antón Vilar Ponte, discurso de Lugrís Freire e debate con “grande entusiasmo” dos Estatutos desta relevante entidade. Un veintena de persoas parían unha das grandes entidades sociais que reivindicaba non só lingua e cultura, senón un programa político nacionalista. Lembro o nome dunha delas, Micaela Chao Maciñeira, única muller presente na fundación. Gosto nomear a Micaela como símbolo colectivo e reivindicador dunha historia que non borre ás mulleres.

O BNG recolleu a proposta na que traballan diversas entidades e, finalmente, o Parlamento Galego en sesión celebrada o 29 de Abril aprobou por unamidade que 2016, sexa declarado Ano das Irmandades da Fala. Efemérides para lembrar que somos un pobo con historia. Mais sobre todo que alumea a inmensa labor que fica na defensa desta vella nación europea.

Aquí vos deixo o texto aprobado e un video no que podedes ver a interveción que realizamos para defender esta proposta.

O Parlamento de Galiza insta á Xunta de Galiza a que o vindeiro 2016 sexa declarado oficialmente ANO DAS IRMANDADES DA FALA, estabeleza un programa de actividades conducentes a divulgar en toda a sociedade galega o coñecemento do encomiábel labor desta organización, animada polo propósito de traballar pola consecución dunha Galiza máis culta, libre, xusta e comprometida consigo mesma e dote dos fondos necesarios os organismos encargados de levar a cabo ese programa.