Nacín alá polo ano 1977, un 27 de xullo, en Chorente. Seguramente para moitas de  vós ese nome non vos diga nada, mais para min é importante.  É moito máis que un lugar fermoso e de refuxio; é en parte o que eu son.

Sempre pensei que conviña ter os pés na terra, saber quen somos e de onde vimos.  Por iso nomeo Chorente, aldea do concello de Sarria, ao pé da única fábrica de cemento (Oural) que tiña Galiza. Meu pai traballou nela, mentres miña nai collía as rendas dunha explotación agraria hoxe extinguida. Aos dous agradézolles sempre todo o que nos ensinaron e quixeron.  Tamén que respectaran as miñas decisións, como entrar a formar parte de Galiza Nova cando estaba no instituto.

 Logo viñeron os CAF, a vida estudantil compostelá, con tantas revolucións pendentes. Acabei a licenciatura de CC Políticas e da Administración e sen darme conta, formei parte dunhas listas electorais. O destino quixo que entrara no Parlamento Galego no ano 2004. Unha honra moi grande. E nesas andamos.

Neste momento estou como deputada do BNG, voceira en temas variados como lingua, cultura, territorio ou medio ambiente. Consciente de que hai moito que facer e pensando sempre en mellorar. Acredito no colectivo, farta de tanto individualismo e personalismos. Convencida de que o BNG é ferramenta imprescindíbel para conseguir unha Galiza soberana,republicana, laica, libre e igualitaria.